Somos a Rede Armela


Quen somos

Armela é unha rede de investigadores/as pertencentes a diversas universidades, institucións e organizacións sociais que nace coa finalidade de desenvolver conxuntamente e dende unha perspectiva multidisciplinar unha liña de investigación en relación aos dereitos, á igualdade e ao Estado social no contexto actual de crise económica e de forte contracción da intervención pública.

Obxectivos

O obxectivo principal da rede Armela é investigar e analizar o impacto que está tendo a actual crise económica no desenvolvemento e garantía dos dereitos sociais e a igualdade de oportunidades entre a cidadanía.

Que facemos

A rede Armela sitúa o seu punto de mira nas desviacións que se observan actualmente entre a cláusula do Estado social recollida no texto constitucional de 1978 e os actuais ámbitos de actuación política. Concretamente, quérense examinar e facer visíbel as tensións que se están a producir no actual contexto de crise económica entre a protección e promoción dos dereitos sociais e a aprobación recente de novos principios constitucionais relativos á estabilidade orzamentaria e a prioridade absoluta do pago da débeda.

Deste xeito, Armela busca, por un lado, chamar a atención e reflexionar sobre a vulneración que se está producindo dos principios reitores da política social que establece a propia Constitución e, por outro lado, describir e analizar empiricamente o impacto concreto que está tendo a actual crise económica, e principalmente o modo de xestionala, no retroceso dos dereitos sociais (educación, saúde, vivenda, asistencia social, etc.) e no progresivo desmantelamento do Estado de Benestar. Os procesos de privatización de servizos públicos e o papel das distintas Administracións públicas tamén entran no ámbito de estudo da rede. As garantías dos dereitos e as vías de protección son outro aspecto a tomar en consideración. Para iso tamén é preciso estudar o marco europeo e as políticas comunitarias. Para poder levar a cabo os seus obxectivos Armela céntrase principalmente no estudo dos cambios que se están a producir na regulación e nas políticas públicas actuais.

Asemade, no marco dos seus obxectivos, esta rede de investigación poñerá en marcha o Observatorio Armela, a través do cal se fará un seguimento sobre a lexislación e as políticas públicas, datos estatísticos, literatura académica e información de interese en xeral relacionada coa igualdade, os dereitos e o Estado Social.